Saturday 18 de May de 2024

As augas de baño da Pobra reciben a cualificación de “Excelente” na tempada de 2020


A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), informa de que a Administración local recibiu nesta semana unha comunicación da Xefatura Territorial da Consellaría da Sanidade para notificar sobre a clasificación sanitaria final na tempada de 2020 das zonas de baño do municipio. Así, tódalas praias valoradas reciben a cualificación de “Excelente” segundo o modelo de clasificación sanitaria e o seu método de cálculo establecidos na Directiva 2006/7/CE de aplicación para as zonas de baño de auga salgada ou doce.

Ademais, para este 2021, as praias en que se efectuarán as probas rutineiras coas cales coñece-la calidade das augas e avalia-la súa evolución no tempo serán as mesmas ca nas tempadas anteriores: A Barca, A Corna, Os Areos, A Illa, A Lombiña e Os Raposiños. Os ditos controis adscríbense ao Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025 realizada pola Xunta a través da Consellaría da Sanidade, polo obrigado cumprimento da normativa europea.

Neste senso, recolleranse un total de dez mostras en cada zona de baño, nove das cales se realizarán durante a propia tempada e unha antes do seu inicio. Así mesmo, durante o mes de xuño, o corpo de Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública (FISP) realizará unha inspección a cada zona de baño incluída no referido programa.

Tódolos datos destas tempadas son públicos e poden ser consultados a través da páxina web da Consellaría da Sanidade, dentro do apartado da Sanidade Ambiental. Tamén se pode obter información a través do Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade).